O CITIC e a Facultade de Informática da UDC celebran a IV edición do Machine Learning Workshop Galicia

17/10/2019 - CITIC
  • Máis de 150 participantes congréganse hoxe na Universidade da Coruña.
  • O evento amosará os avances desta disciplina da Intelixencia Artificial e as oportunidades de futuro.

A Coruña, 17 de outubro de 2019.- O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña organiza xunto a Facultade de Informática da UDC a cuarta edición do Machine Learning Workshop Galicia (WGML2019), que congrega hoxe a máis de 150 participantes. Este evento ten o obxectivo de amosar os avances e as oportunidades de futuro do Machine Learning ou Aprendizaxe Máquina, unha rama da Intelixencia Artificial que se está a converter nun referente en practicamente calquera campo de coñecemento.

A sesión de apertura correu a cargo do vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC, Salvador Naya Fernández; o director do CITIC, Manuel F. González Penedo; o decano da Facultade de Informática, Luis Hervella Nieto; e o organizador do evento, investigador do CITIC e catedrático da UDC, Ricardo Cao. Durante todo o día de hoxe terán lugar diferentes ponencias, comunicacións e, como novidade nesta edición, tamén presentación de retos por parte de empresas, así como sesión de pósteres.

O vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC afirmou que o Machine Learning Workshop Galicia estase a converter “nun dos foros máis importantes a nivel autonómico”, salientando a gran calidade das conferencias. Pola súa banda, o director do CITIC destacou a particularidade do evento de abarcar tanto ao ámbito investigador como o tecido empresarial. O coordinador do workshop quixo subliñar o “gran número de comunicacións recibidas”.

O comité científico do WGML2019 está integrado, ademais de Ricardo Cao, pola investigadora do CITIC Bertha Guijarro e polo CEO de Cinfo (empresa ubicada no CITIC), Antonio Rodríguez del Corral. Colaboran na organización o CiTIUS da Universidade de Santiago de Compostela, o CESGA, e atlanTTic da Universidade de Vigo.

Sobre o CITIC

O CITIC é un Centro de Investigación Singular que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicado ás TIC. Impulsado pola Universidade da Coruña, é un punto de encontro entre a Universidade e a empresa no que conflúen departamentos de I+D de empresas do sector TIC con investigadores procedentes do ámbito universitario. No ano 2016, o CITIC recibe o distintivo de Centro Singular de Investigación de Galicia 2016-2019, sendo o único centro TIC de Galicia recoñecido con esta distinción, cofinanciado pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.